Mónica de Nut

O primeiro disco de Mónica de Nut trío é unha das agradbles sorpresas do inicio do ano 2012. Este trío galego propón unha música tan atractiva como arriscada, onde se citan o jazz en varias das súas direccións, a música clásica e o folclore galego.

Este trío é a extensión natural do dúo Litanei, composto pola cantante Mónica de Nut e o baixista Paco Dicenta, no que xa fusionaban a música clásica co jazz, sempre cos soportes tecnolóxicos e efectos, e aos que se lle uniu o guitarrista Virxilio da Silva.

Non deixa de ser paradóxico que un país como é Galiza, un lugar marcadamente rural, cun notable problema de envellecemento na súa poboación, estea a ofrecer algunhas das propostas jazzísticas máis interesantes e arriscadas do jazz que se fai en todo o estado español.

Mónica de Nut Trío propón un repertorio tan ousado como atraínte. Introdúcense no folclore galego, en dous dos seus temas (Eu chorei e Por que no hei de cantare), entran nos standars de jazz noutro, e mesmo se atreven a entrar na música clásica cunha resolta versión de Henry Purcell. E todo, sen esquecer as composicións propias, obra do baixista e a cantante.

Esta variedade musical vén propiciada polas posibilidades vocais de Mónica de Nut, que ten traballado tanto no mundo da música clásica como no do folk galego. O seu xeito de traballar, as súas músicas e a súa voz, trae á memoria tanto a Maria João como a Lila Downs. Tamén hai que falar do traballo de Paco Dicenta, que creou unhas atmosferas moi achegadas ao 'drum&basss', que acompañan e arroupan moi ben tódalas cancións.

Aínda que sexa só pola valentía, pero tamén polos resultados obtidos, é un grupo a seguir.

www.myspace.com/monicadenut

www.monicadenut.com