Mago Antón

O espectáculo de Creacións Máxicas “magoanton.com/unipersoal” está moi lonxe de ser unha páxina web. É un espectáculo de comunicación e maxia pensado para as distancias cortas. Tranquilidade, o público non desaparecerá pero si se multiplicará por dous. As novas creacións do Mago Antón farán que esa noite sexa unha noite chea de sorpresas, de risas e de emoción a centímetros de distancia.

Antón López Rivas, O Mago Antón , nace en Castroverde (Lugo) en 1956. Inicia estudos de Psicoloxía en Santiago que abandonará no ano 1977 para adicarse profesionalmente á maxia e a ventriloquía.

Entra en contacto coa escola máxica de Madrid e realiza centos de actuacións na Galiza, Madrid, Cataluña, Euzkadi, Portugal, Bélxica, Holanda, etc...Participa en importantes congresos Internacionais de Maxia e sorprende cos seus xogos orixinais. Dado o éxito que obtén nestas presentacións, comeza a comercializar as súas creacións baixo o selo Os xogos do raposo .

Nos anos oitenta o Mago Antón produce grandes espectáculos ó aire libre, destacando entre eles Merlín e Familia (preséntase en xira por toda Galiza nunha carpa con capacidade para 1.500 espectadores), con motivo do Xacobeo 93 o seu proxecto máis ambicioso, Vía Láctea , un espectáculo multimedia (teatro, cine, maxia, música...) que remata a súa xira en Pamplona e Madrid; outros espectáculos serían Insólito por ANTONomaxia e O romance do conde de Cagliostro (este último coincidindo co Xacobeo 99), Fugas e soños , 2001 ilusións (onde recupera o personaxe dos seus inicios, Facundo).

O ano 2002 coincide co lanzamento mundial da tenda virtual magoantón.com . As tendas de maxia máis prestixiosas do mundo comercializan os xogos creados polo mago galego. Dende o Colectivo Máxico Waldemar de Lugo, do que forma parte, e en colaboración co Concello de Lugo produce con grande éxito a Iª Semana Internacional de Maxia de Lugo e no ano 2004 a 2ª, e presenta os espectáculos 10 magos no pais das marabillas e Festivais de maxia no camiño.

www.magoanton.com