|
Quico Cadaval Nacido en Ribeira, na Ría de Arousa, onde Deus apoiou o dedo anular no seu día de descanso (o sétimo). O feliz natalicio produciuse no ano catro a.m.m.m. (antes da morte de Marilyn Monroe) nunha taberna, na que medrou. Na súa infancia conviviu con mariñeiros que extraían máxicamente bacallaus salgados dos seus pantalóns, quinquilleiras que revelaban a berros a súa orixe da vida mentres devoraban carne asada e anciás que conseguían ouriñar de pé con precisión de ciruxanas. Polo xeito que ten de falar de sí mesmo parece que non ten avoa, pero tívoa e nótaselle ben. Foi educado por un mestre entusiasta dos castigos físicos e da escritura barroca, na actualidade cronista local da cidade de Ribeira. Na súa época universitaria descoidou os seus estudos de arte para coquetear co amor, a política e a droga. Recibiu moitas críticas dos seus amigos "junkies" polo consumo inmoderado de drogas brandas e mostos fermentados. Dirixiu espectáculos de teatro coa presenza de orfas de fillos, quinquilleiras, viúvas de carpinteiro, traficantes de toneis, palilheiras-macho, inmigrantes ilegais e xitanas vengativas. Escribiu pezas de teatro protagonizadas por traficantes mudos, deusas, piratas (sexo feminino), ociosos, aristócratas pintores, músicos ambulantes e vendedoras de amor ao pormenor. Por se isto fora pouco, é omnívoro. Quico Cadaval presenta Fantasmas familiares , un espectáculo de narración oral que se leva transformando nos últimos quince anos acomodándose ás circustancias ambientais, inclemencias do clima, ás experiencias persoais do artista e aos terrores máis íntimos do público. O espectáculo criase a partir de ‘estórias' da tradición oral que se deformaron pouco a pouco, na xira mundial inacabada na que Quico Cadaval traslada aos públicos dos catro continentes as ‘estórias' da sua terra natal para comprobar se son universais. Antes de chegar a Vigo, e a modo preparatorio, Quico Cadaval paseou os seus fantasmas por festivais tan prestixiosos como o de Bucaramanga de narración oral en Colombia, Déjame que te Cuente, en Lima, Festival de Teatro de Almada, en Portugal, Festival Iberoamericano de Teatro de Bogotá, A Feira do Libro da Habana, A leitura de El Quixote no Círculo de Bellas Artes de Madrid en España, Maratón dos Contos de Guadalajara, tamén en España, na Fundaçao Gulbenkian en Paris, en prestixiosas universidades de Alemaña e Portugal, e tamén na de Santiago. Por os Fantasmas familiares transitan espectros, valentes, milagreiros, peixeiras, mariñeiros, mitos do rock, líders relixiosos, taberneiras, reis, golpistas, presos, adiviños, sicarios, prostitutas, axentes da orde, industriais, cantores melódicos, gandeiros, mais non é seguro que se aparezan todos. gl.wikipedia.org/wiki/Quico_Cadaval
|